A Asociación Escola Rural de Saúde da Limia está a desenvolver ao longo deste ano o proxecto “Transmisión do Coñecemento no Rural I: Rede de Voluntariado e Saberes Compartidos”.
Esta iniciativa está centrada en fortalecer a cohesión social e dinamizar o medio rural a través do intercambio de coñecementos entre distintas xeracións na comarca da Limia.
A Escola Rural de Saúde da Limia impulsa o voluntariado interxeracional no rural
O programa, que se desenvolve en Xinzo de Limia, enmárcase dentro das actuacións financiadas polo programa de voluntariado interxeracional no medio rural, vinculado ao proxecto piloto Talento Interxeracional, no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU.

A iniciativa busca dar resposta a retos estruturais da comarca, como o envellecemento da poboación, a falta de relevo xeracional e a progresiva perda de coñecementos tradicionais.
No proxecto participaron dúas parellas interxeracionais, integradas por persoas maiores de 55 anos con experiencia e saberes ligados ao rural, xunto con mozos e mozas de entre 16 e 35 anos con formación e capacidade de innovación. A través deste modelo promoveuse un intercambio bidireccional no que se combinaron experiencia, aprendizaxe práctica e novas perspectivas.
Entre xaneiro e maio de 2026 desenvolvéronse un total de 30 sesións presenciais nas que se abordaron ámbitos estratéxicos como os obradoiros sobre prácticas agroganadeiras, con actividades relacionadas co manexo do gando e a apicultura; sesións prácticas en explotacións locais sobre reprodución de abellas, produción de cera e reacondicionamento de colmeas; así como accións de recuperación de oficios tradicionais como o proceso do liño, as camariñas ou o encaixe de bolillos.
Recoller, dixitalizar e por en valor
O programa tamén incluíu a recollida de memorias audiovisuais e narrativas locais, a dixitalización de fotografías históricas e a posta en valor do patrimonio rural mediante actuacións de conservación e sinalización na Casa-Museo Mati. Ademais, organizáronse visitas comunitarias a espazos patrimoniais da contorna, entre eles petroglifos, mámoas e o Foxo dos Lobos no Monte Grande, na serra de Bande.
Segundo os datos facilitados pola entidade, o proxecto acadou un impacto directo sobre as catro persoas voluntarias participantes e un impacto indirecto sobre máis de 750 persoas do medio rural. Desde a asociación destacan que a iniciativa contribuíu a reducir a brecha interxeracional, reforzar o sentimento de pertenza ao territorio e poñer en valor o rural como un espazo de oportunidades para a mocidade.
