Noticias

Xinzo de Limia acolle a primeira edición dos Premios Semente

O próximo 26 de marzo, Xinzo de Limia converterase no epicentro da innovación agroalimentaria en Galicia coa celebración da primeira edición dos Premios Semente.

Este evento, impulsado polo Concello de Xinzo, busca poñer en valor as mellores iniciativas do sector agroalimentario galego, destacando a colaboración entre o mundo académico e o rural.

Xinzo de Limia acolle a primeira edición dos Premios Semente

Os Premios Semente contan co respaldo das universidades galegas, que participan activamente na iniciativa para recoñecer proxectos de innovación, sustentabilidade e desenvolvemento no agro. A semente, como elemento central do evento, simboliza o inicio de novas ideas, o crecemento e a adaptación ao cambio.

O humorista Xosé Antonio Touriñán será o encargado de conducir a gala, achegando o seu carisma para dar visibilidade ás iniciativas galardoadas. Os premios repartirán recoñecementos en diversas categorías, entre elas Innovación Agroalimentaria, Sustentabilidade e Medio Ambiente, Excelencia na Comunicación e Difusión do Agro e Emprendemento Rural.

O alcalde de Xinzo de Limia, Amador Díaz, destacou a importancia desta iniciativa: “A semente non só representa a vida, senón tamén o crecemento e a capacidade de adaptarse ao cambio. O agro galego está en transformación grazas á innovación e a colaboración entre diferentes actores, e estes premios son unha forma de visibilizar ese traballo”.

Cartel dos Premios Semente

Os proxectos premiados serán seleccionados por un xurado de expertos do sector agroalimentario, a investigación e a innovación. Para asistir á gala e aos actos programados, será necesario rexistrarse previamente na web do evento.

Os Premios Semente non só recoñecerán a excelencia no agro galego, senón que tamén funcionarán como un espazo de encontro para fomentar a colaboración e o intercambio de ideas entre o rural e as universidades. Xinzo de Limia prepárase para acoller un evento que marcará un antes e un despois no sector agroalimentario galego.

Botón volver arriba

Bloqueador de anuncios detectado

Hemos detectado que usas un bloqueador de anuncios. Por favor, desactívalo.