Eventos

Educación e videoxogos únense nunhas xornadas no campus de Ourense

A Facultade de Educación e Traballo Social do campus de Ourense acollerá o vindeiro xoves, 18 de xuño, unha nova edición das Xornadas Educación e Videoxogos. Esta iniciativa, organizada polo profesor Millán Brea, conta co apoio da Vicerreitoría do Campus de Ourense da Universidade de Vigo.

As Xornadas Educación e Videoxogos reunirán a profesionais, divulgadores e pioneiros do sector para reflexionar sobre o potencial educativo dos videoxogos e a súa evolución en Galicia.

Educación e videoxogos únense nunhas xornadas no campus de Ourense

A actividade desenvolverase entre as 10:00 e as 13:30h na Aula 0.10 do Edificio de Ferro. Esta actividade contará con entrada gratuíta para todas as persoas interesadas.

Xornadas. Educación e Videoxogos.

O programa arrancará ás 10:00h coa charla A vida a través dun videoxogo. Participarán Maya Pixelskaya, podcaster e presentadora de televisión considerada unha das primeiras mulleres en dar visibilidade ao mundo dos videoxogos en España, e o propio Millán Brea.

Ás 11:30h será a quenda da sesión O primeiro videoxogo galego… é de Ourense!, protagonizada por Álex González, creador de The Wall (1986). Este xogo está considerado o primeiro videoxogo comercializado desenvolvido por un autor galego. Na conversa tamén participarán representantes do Museo do Videoxogo de Galicia (Muvi) e Cristian González “Espartaco”, profesional con ampla experiencia no ámbito dos e-sports.

A partir das 12:30h, a programación continuará coa gravación en directo do podcast Entre bits y tonterías. Nel tomarán parte Millán Brea, Maya Pixelskaya e a historiadora Arantxa Fernández, doutora pola Universidade de Vigo.

Durante a xornada, as persoas convidadas compartirán as súas experiencias profesionais e analizarán a evolución do sector dos videoxogos, así como as súas posibilidades educativas e culturais. Ademais, representantes da Fundación do Videoxogo Galego presentarán o labor que desenvolve o Muvi, o primeiro museo galego dedicado a esta temática.

O encontro rematará ás 13:30 h cun acto de clausura seguido dun espazo de networking para favorecer o intercambio de ideas e contactos entre participantes e asistentes.

Educación e videoxogos únense nunhas xornadas no campus de Ourense
Programa das Xornadas. Educación e Videoxogos.

Botón volver arriba