A Insua dos Poetas, situada en A Esgueva (Madarnás) —no concello ourensán do Carballiño— acollerá o sábado, 5 de xullo, ás 18:00 horas, o acto de entrega dos premios da 13ª edición do OZOCOncurso de microrrelatos de ciencia ficción.
Este Concurso foi convocado pola plataforma OZOCOnGZ Deseño Galego.
O Carballiño acolle a entrega dos premios OZOCOncurso de microrrelatos
O evento combinará literatura, música e poesía nunha tarde cultural para todos os públicos. A escritora Rochi Nóvoa será a encargada da presentación literaria, nun acto que tamén incluirá recitais poéticos a cargo de Elena Lameiro, Fita Sanjorge e Aarón Franco.
A música ao vivo estará protagonizada polo grupo de pandeireteiras As Faíscas Lurianas, e contarase ademais coas intervencións de Isidro Vidal e Xabi Salgado “Morta”, integrante da banda Guezos.

Esta iniciativa, organizada por OZOCOnGZ, conta coa colaboración de diversas entidades culturais e editoriais como Fonte do Noro, Hércules Edicións, Xerais, Nela Biosente, Miranda e A Lareira de soños. A proposta reafirma a aposta por difundir a creación literaria en galego dentro do xénero da ciencia ficción, promovendo espazos de encontro entre autoras, autores e o público lector.