O aturuxo do corazón. Esta é a singular definición que a nosa protagonista deu á poesía. Unha forma de definir algo que non ten definición, algo que non é tanxible e que cada un sente dunha forma distinta.
Rochi Novoa é unha das escritoras máis activas e prolíficas do panorama literario en galego, erixíndose ademais nunha figura clave na dinamización cultural da provincia de Ourense. Nada nunha aldea de Xunqueira de Ambía, Rochi Novoa permanece ligada ás súas orixes.
Rochi Novoa, O aturuxo do corazón
Na pequena aldea de Sobradelo nacen as inquedanzas culturais de Rochi e de feito, non se pode entender a súa traxectoria sen a ligazón que ten coa súa terra. A nosa lingua ten nesta artista unha firme defensora que sabe sacar o mellor zume da lingua galega para dar forma á súa obra poética.
Promotora de varias iniciativas culturais como a creación de varias asociacións ou o xornal «O voceiro do Pobo», destaca entre todas elas o Tangaraño Cultural, evento que ten o seu epicentro en Sobradelo, Lar da Cultura.
Non é estraño atopar a Rochi Novoa participando en todos aqueles actos onde a reclaman. Cunha xenerosidade exemplar, a súa disposición para colaborar na promoción e difusión da cultura son plenas.
Obra poética de Rochi Novoa
Na súa traxectoria literaria, Rochi Novoa conta con varias publicacións, a maioría en galego. Dende a primeira edición de «Cos pes na terra e a alma na lúa», a súa produción artística non se detivo.
- 2009 – Cos pes na terra e a alma na lúa
- 2009 – Diccionario Visual Galego-English/English-Galego
- 2010 – Cos pes na terra e a alma na lúa (edición estendida)
- 2010 – Recipes & Tips in the English Classroom (En inglés)
- 2012 – Sen ti son eu (libro dixital)
- 2013 – Farrapos de Boneca
- 2015 – Muller de Papel (mediante crowfounding)
- 2017 – Instances
- 2020 – MaXic
Nas iniciativas que Rochi Novoa leva a cabo, destaca a procura da integración de distintas disciplinas artísticas. Fomentar a colaboración ten como resultado unha obra máis completa, máis profunda e máis grande. Música, pintura ou fotografía son algunhas das artes que Rochi conxuga coa súa poesía para crear un conxunto homoxéneo que nos permite espremer para acadar ata a última gota do zume. Nacho Martínez, Daniel Soldevilla, Daniel Minimalia, Róber García, Chús Lauzara ou Ana Nieto son algúns dos nomes que forman parte do universo creado por Rochi Novoa.
3 comentarios