Entrevistas

«Entroido As Bonitas de Sande» fala sobre os incendios forestais en Ourense

A provincia de Ourense enfróntase a unha das peores campañas de incendios forestais dos últimos anos, cun impacto devastador sobre o medio natural, as aldeas e a economía local.

A páxina de instragram «Entroido As Bonitas de Sande», analiza nesta entrevista as causas que alimentan o lume, as medidas que considera prioritarias para previlo e o papel que deben asumir cidadanía, administracións e sector forestal para frear esta crise.

Ourense en chamas: voces contra o avance do lume

"Entroido As Bonitas de Sande" fala sobre os incendios forestais en Ourense
Foto: Entroido as Bonitas de Sande

Que factores naturais e humanos están detrás da maioría dos lumes que afectan aos nosos montes?

Triste, e incomprensiblemente, tras a maior parte dos incendios está a man do home. Creo que ninguén sabe ben os motivos -non creo que pirómano como enfermidade sexa un dato representativo dos incendios provocados-. A inconsciencia do ser humano volve ser patente provocando incendios. Non creemos que sexa falar por falar, tal como queda demostrado cando aparecen varios focos á vez e que, por moi preparados que estean, é imposible acudir a todos cos medios que se teñen. En ningún lado se está preparado para facer fronte a ducias de focos á vez.

Seguindo coa primeira pregunta, o tema que non deixa de aparecer en todos e cada un dos recunchos de Galicia, e non só de Galicia: o rural baleirado. O factor de que se vai a xente para as cidades, os que quedan son maiores, deixase de traballar as fincas, o monte achégase ás casas, non hai xente que pase polos camiños noutrora transitados para asoballar herba que se metía no medio. Antes, neste noso pobo, Sande, lembramos todos tocar as campás a lume e saír das casas. Había moita xente e éramos os primeiros en acudir a apagar. Sabíamos os camiños, os cortafogos e por onde chegar. Éramos os primeiros efectivos. Hoxe, sería loitar contra un Goliat que nos devora mentres tratamos de poñernos a salvo

Que medidas de prevención resultan máis efectivas para reducir o risco, tanto a nivel individual como colectivo?

Cada ano repítese o tema da prevención. Prevención, si. A limpeza dos montes, os cortalumes, a concentración que pode ser esencial para salvar unha aldea. Somos conscientes de que Galicia é moi grande e que se chega ata onde se chega. Así que a pequena revolución e actuar desde a individualidade ou colectivos, asociacións, grupos… non é tarefa fácil porque volvemos ao mesmo. O rural está nunha media de idade que ben merece descansar tras unha vida chea de traballo, e os novos, son meras testemuñas que todo o que fagan en pouco queda.

Como deberían actuar a poboación, as administracións públicas, as empresas forestais e as organizacións ambientais para previr e combater os lumes?

O que non: reunións, foros, congresos… Todos sentados a debater, pero nada de acción -do verbo actuar- para frealo. Medidas efectivas que faciliten as cousas no rural e non o poñan difícil. Deixar de erguer novos edificios e facilitar a compra e rehabilitación de casas no rural, por exemplo, faría que houbese máis xente moza. Se hai máis xente moza, pode que entre todos se poida facer algo máis efectivo. Desde o asociacionismo, comunidades de montes e diferentes grupos no rural, poderían levarse a cabo máis iniciativas se a administración facilitase ferramentas. É máis sinxelo traballar desde o que se coñece, pero tamén se precisa dun guía. Un exemplo, coas asociacións, organizar, fomentar e axudar á reforestación creando cintos de especies arbóreas máis resistentes ao lume; coas comunidades de montes, achegarlles axudas para manter o monte limpo, fomentando que haxa gando nos montes -sen ter que cubrir 1.001 papeis- que axuden a mantelo limpo e sendo, hoxe en día máis doado que atopar persoal.

E sobre todo, pedir que a xente sexa consciente do que fai. En poucos casos un incendio se declara da nada. Ata se entende un traballo agrícola. Pero a intención, a destrución por destruír, arrasar sen pensar que podes levar por diante non só fogares, senón tamén persoas e animais… non ten perdón.

Botón volver arriba

Bloqueador de anuncios detectado

Hemos detectado que usas un bloqueador de anuncios. Por favor, desactívalo.