O PSdeG-PSOE de Ourense constituíu en Bande a coordinadora comarcal da Baixa Limia, que estará dirixida por José Manuel Fernández Cuquejo, concelleiro socialista en Calvos de Randín.
Con este paso, os socialistas inician unha serie de encontros nas distintas bisbarras da provincia para reforzar a súa estrutura territorial e preparar as eleccións municipais de 2027.
O PSdeG-PSOE activa na Baixa Limia a súa coordinadora comarcal
Na reunión participaron o secretario provincial do partido, Álvaro Vila Araújo; o secretario de organización, Antonio González Fiuza; e a secretaria de política municipal, Susana Rodríguez Estévez, en representación da Executiva Provincial. Tamén acudiron representantes municipais de concellos como Calvos de Randín, Bande, Lobios, Muíños, Entrimo ou Lobeira.

Desde a dirección provincial subliñan que estas reunións son fundamentais para “escoitar de primeira man” as propostas e necesidades da militancia e cargos locais, así como para deseñar accións que impulsen a mobilización das bases, a incorporación de novos afiliados e a creación de espazos de diálogo coa veciñanza.
A Executiva lembra que o proceso de constitución das coordinadoras comarcais será determinante para conformar as futuras candidaturas municipais. O obxectivo é “presentar equipos fortes e sólidos en cada bisbarra, elaborar un proxecto socialista para toda a provincia e acadar os mellores resultados posibles nas eleccións de maio de 2027”.
En Baixa Limia, o PSdeG-PSOE conta actualmente con representación en Bande, Lobios, Muíños e Lobeira, así como coas alcaldías de Entrimo e Calvos de Randín. O partido marca como meta aumentar o número de concelleiros e alcaldías, ademais de recuperar o deputado provincial do partido xudicial de Bande, actualmente en mans do PP.