Muíños conta cunha nova vivenda en réxime de alugueiro tras a rehabilitación dun inmoble situado en Mugueimes.
O delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, e o alcalde de Muíños, Plácido Álvarez, entregaron esta mañá as chaves aos novos inquilinos.
Muíños incorpora unha nova vivenda pública de alugueiro tras a súa rehabilitación
A actuación contou cun investimento total de 118.000 euros. 50.000 euros foron achegados pola Xunta a través das axudas para a rehabilitación de inmobles municipais. O proxecto completouse cun préstamo de 28.000 euros do Fondo de Cooperación da Consellería de Vivenda e unha achega de 40.000 euros da Deputación de Ourense.

Durante o acto, Manuel Pardo destacou os 2,1 millóns de euros destinados este ano pola Xunta a este programa para concellos de menos de 30.000 habitantes. Pardo lembrou que as axudas incrementaron a súa contía máxima ata os 65.000 euros por vivenda.
O delegado territorial subliñou tamén que entre 2017 e 2026 o Goberno galego financiou a rehabilitación de 266 vivendas en 97 concellos. Do total, 93 corresponden á provincia de Ourense.
A vivenda rehabilitada, situada na antiga sede do Centro de Saúde de Mugueimes, ten unha superficie de 127 metros cadrados e dispón de catro dormitorios, dous baños, un aseo e un espazo común de salón e cociña.

