A actividade “Tasca e Literatura” regresa unha vez máis ao panorama cultural do Carballiño cun acto de homenaxe ao poeta Víctor Gulías, recentemente falecido e membro da Agrupación Cultural Avantar.
O encontro celebrarase o domingo 16 ás 12.30 horas na Adega Flores, onde creadores e creadoras de diversos estilos literarios se reunirán para lembrar a figura deste poeta da terra, profundamente namorado do legado castrexo e do patrimonio galego.
Homenaxe poética a Víctor Gulías no Carballiño
O compromiso cultural de Gulías deixou unha fonda pegada no tecido asociativo da comarca, participando activamente en múltiples iniciativas.

Entre elas, destacou como promotor da Festa do Castro en San Ciprián de Las, unha das celebracións máis emblemáticas da zona.
Desde a Agrupación Cultural Avantar, salientan tamén o seu papel protagonista no proxecto “Orcellón, fala e canta”, unha proposta que unía música e literatura para revitalizar a cultura máis enxebre sen renunciar ás tendencias de vangarda máis innovadoras.
O acto na Adega Flores converterase así nun espazo de lembranza e creación compartida, onde a palabra e a emoción renderán tributo a un home que fixo da cultura un modo de vivir e de construír comunidade.