O delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, visitou esta mañá o Castro de Trelle, no concello de Toén.
Esta visita coincide co inicio dos traballos arqueolóxicos previstos para 2025, destinados a avanzar na investigación e documentación deste ben patrimonial.
Novos avances arqueolóxicos no Castro de Trelle para 2025
Na visita estivo acompañado polo alcalde de Toén, Ricardo González, e polo rexedor de Barbadás, Xosé Carlos Valcárcel. A intervención conta cun investimento de máis de 16.000 euros por parte da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude.

Pardo salientou que nesta segunda campaña comezarán a verse resultados dos “imprescindibles e valiosos traballos de recuperación e restauración, ao abeiro do Plan de actuacións arqueolóxicas de 2025”. Lembrou que esta intervención forma parte das 81 actuacións programadas polo Goberno galego, 15 delas na provincia de Ourense, cun investimento total de 260.000 euros.
Os traballos previstos inclúen unha escavación arqueolóxica en área de 80 m². Estas dan continuidade ás sondaxes realizadas en 2024, con 45 m² en Toén e 35 m² en Barbadás. Unha vez completada esta fase, procederase ao tapado provisional con elementos diferenciados e terra procedente da entulleira. Ao mesmo tempo, realizarase un proxecto específico de consolidación e restauración en función do estado dos restos atopados.
O obxectivo principal desta nova intervención é afondar na caracterización científica do castro, mellorar o seu coñecemento e facilitar unha planificación máis eficaz das futuras actuacións de escavación e valorización.
Pardo puxo en valor a estratexia da Xunta para recuperar e protexer o patrimonio arqueolóxico e subliñou tamén a importancia da súa difusión pública: “A nosa historia pasada, actual e futura é froito deste legado que temos obriga de conservar e que aínda nos ten moito que contar”, afirmou.
O delegado territorial destacou ademais que en 2025 a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude incrementará “de xeito considerable” o orzamento destinado á arqueoloxía, un aumento que atribuíu á crecente necesidade de actuar en máis lugares históricos que requiren acondicionamento, conservación, investigación, catalogación e divulgación. “Estamos ante bens culturais cunha relevancia incuestionable para Ourense e para Galicia”, concluíu.

