Celanova acollerá o 7 de febreiro de 2026 a XVIII Cea-Baile de Comadres, unha das citas máis destacadas do Entroido local.
Este evento reunirá a centos de persoas no Salón de Actos do Claustro Barroco nunha noite marcada pola festa, a música e os disfraces.
Celanova celebra a XVIII Cea-Baile de Comadres
O evento, organizado pola Asociación de Comadres de Celanova, dará comezo cun pasarrúas a partir das 19:30 horas, a cargo da Escola de Batucada Vilatuke e da Charanga BCB, que animarán as rúas da vila antes da cea. A partir das 22:00 horas, celebrarase a cea-baile, reservada exclusivamente para mulleres disfrazadas, un dos sinais de identidade desta celebración tradicional.
O prezo da cea será de 35 euros, dos cales 30 corresponden ao menú e 5 á música. O menú inclúe entrantes, cocido, sobremesa, café e chupitos, así como un menú xoven pensado para o público máis novo. As mulleres que non asistan á cea poderán acceder á festa pagando unha entrada de 5 euros.
A música da noite correrá a cargo do trío 3.COM, que se encargará de amenizar o baile ata ben entrada a madrugada. Ademais, a organización permite tamén a participación de homes disfrazados de muller, sempre que accedan á festa a partir das 00:30 horas.

A data límite de inscrición para a cea será o 5 de febreiro.

