Noticias

O PSdeG pide reforzar o paseo Carmen Martín Gaite

O PSdeG-PSOE de Barbadás vén de presentar unha moción para garantir a continuidade do paseo literario Carmen Martín Gaite de San Lourenzo de Piñor.

Tamén solicitan reforzar os proxectos de difusión vinculados á obra da escritora universal. A iniciativa debaterase na vindeira sesión plenaria municipal.

O PSdeG pide reforzar o paseo Carmen Martín Gaite

Desde o grupo municipal socialista reclaman “un compromiso institucional” co paseo literario, ao que definen como un proxecto cultural e educativo de referencia. As concelleiras do PSdeG subliñan que o obxectivo é consolidar e seguir promocionando esta ruta literaria, ao tempo que se reafirma o apoio municipal ao traballo desenvolvido polos seus impulsores, como o profesor David González Couso e o xornalista e divulgador Luís Congil.

O PSdeG pide reforzar o paseo Carmen Martín Gaite
Foto: PSdG

A moción inclúe tamén a esixencia de executar actuacións pendentes xa subvencionadas pola Xunta de Galicia. Entre elas figuran a colocación de postes e paneis de sinalización en aceiro corten na ruta centro do paseo e a instalación de paneis informativos e material audiovisual no local social de Piñor, chamado a converterse nun futuro centro de interpretación.

A concelleira socialista Ana Belén Peleteiro Prieto advertiu de que “non ten sentido contar con subvencións concedidas e proxectos definidos se logo non se materializan”. Neste senso, defendeu a necesidade de executar o anteproxecto de obras recollido no plan director da ruta centro, que melloraría a accesibilidade e a seguridade dos peóns, e que podería financiarse a través do Plan EDIL con fondos europeos.

Outro dos puntos destacados da iniciativa é a petición ao goberno municipal para que esixa á Deputación de Ourense o cumprimento do compromiso adquirido en 2025 de achegar, cando menos, 20.000 euros para a produción do filme Flores de Verán, do director Emilio Pérez Calviño, un proxecto audiovisual directamente vencellado á figura de Carmen Martín Gaite e a San Lourenzo de Piñor.

Para o PSdeG-PSOE, trátase dunha proposta “construtiva” que entende a cultura como investimento estratéxico. “Pedimos responsabilidade institucional para cumprir cos compromisos adquiridos con Barbadás, con Piñor e coa memoria cultural que representamos”, concluíu a edil socialista.

Botón volver arriba
Cerrar

Bloqueador de anuncios detectado

Hemos detectado que usas un bloqueador de anuncios. Por favor, desactívalo.