A Xunta destina preto de 35.000 euros á brigada ambiental da Agrupación Larouco-O Bolo para mellorar os seus medios de traballo.
O delegado territorial en Ourense, Manuel Pardo, visitou esta mañá as instalacións para comprobar o destino da achega, procedente da liña competitiva do Fondo de Compensación Ambiental (FCA) 2025.
A Xunta destina 35.000 euros á brigada Larouco-O Bolo
O investimento permitirá adquirir maquinaria e equipamento para tarefas de limpeza, recollida e eliminación de residuos, así como para a retirada de maleza e a actuación en puntos contaminantes.

Durante o encontro, no que participaron as alcaldesas e alcaldes de Larouco e O Bolo, o representante autonómico lembrou que o prazo para solicitar as axudas do FCA permanece aberto ata o 6 de marzo. A convocatoria conta cun orzamento superior aos 11,4 millóns de euros e busca financiar actuacións de conservación, restauración ambiental e reequilibrio territorial.
Como novidade, este ano priorízanse os proxectos de mellora ou reparación das redes municipais de saneamento e abastecemento afectadas polos incendios forestais do verán de 2025.
A orde establece dúas liñas: unha non competitiva, dotada con 6 millóns de euros para concellos con parques eólicos e liñas de evacuación; e outra competitiva, con 1,9 millóns, aberta a concellos, mancomunidades e consorcios locais. Ademais, resérvanse 3,5 millóns para actuacións específicas de protección ambiental e prevención de riscos.

