Noticias

Ourense acolle o festival Ou Yeah! 2026

O festival Ou Yeah! 2026 converterá Ourense nun escenario musical expandido con concertos en distintas datas e espazos da provincia ao longo do ano.

A presentación oficial tivo lugar este mércores no embarcadoiro de Santo Estevo, no concello de Nogueira de Ramuín, nun acto a bordo dun catamarán pola Ribeira Sacra encabezado polo delegado territorial da Xunta, Manuel Pardo.

Ourense acolle o festival Ou Yeah! 2026

O representante autonómico destacou que o lugar escollido “non é casual”, xa que a posta en escena forma parte da identidade do propio evento. “A presentación non é só unha rolda de prensa, senón unha experiencia que reproduce o ADN do festival: música, territorio e gastronomía”, afirmou.

Ourense acolle o festival Ou Yeah! 2026
Foto: Delegación da Xunta

Manuel Pardo subliñou que o Ou Yeah! nace como un proxecto ligado ao territorio, cunha clara vocación de proxección exterior. “Non é un evento que chega a Ourense, senón que medra desde dentro e constrúese a partir do propio territorio”, sinalou, incidindo no seu potencial como motor económico, turístico e cultural durante todo o ano.

Neste sentido, lembrou o apoio da Xunta a través do programa Concertos do Xacobeo, que suma máis de 2,5 millóns de espectadores desde as edicións 2021-2022, consolidando a aposta pola música en directo en Galicia.

Programación con grandes nomes

A edición de 2026 estrutúrase nun formato expandido, con varias citas ao longo da provincia:

  • O 6 de xuño, en Expourense, celebrarase a inauguración con Loquillo, Kitty, Daisy & Lewis e The Rapants.
  • O 31 de xullo, a Praza da Veracruz do Carballiño acollerá un concerto gratuíto de Burning.
  • O 4 de outubro, no Pazo de Deportes Paco Paz, terá lugar o peche do festival co regreso de Luz Casal a Ourense.

O cartel combina figuras consolidadas do rock estatal con propostas internacionais e talento galego emerxente. Loquillo chega en plena xira do seu último traballo, mentres que Kitty, Daisy & Lewis achegarán o seu son vintage entre o blues e o rock and roll. Pola súa banda, The Rapants confirman o seu crecemento como unha das bandas galegas do momento.

Burning, con máis de catro décadas de traxectoria, ofrecerá un concerto de acceso libre no Carballiño. Pola súa parte, Luz Casal protagonizará unha das citas máis destacadas co seu novo proxecto musical.

Música e gastronomía local

Cada unha das citas contará tamén cunha proposta gastronómica vinculada á asociación Cociña Ourense, que apostará polo produto local e a creatividade culinaria como parte da experiencia do festival.

As entradas para os concertos do 6 de xuño e do 4 de outubro xa están dispoñibles nas plataformas oficiais, mentres que o evento do Carballiño será de balde.

Botón volver arriba