A Pasarela Solidaria de Allariz volveu demostrar o seu compromiso coa loita contra o cancro na súa terceira edición, ao conseguir unha recadación total de 5.014 euros.
Este importe foi entregado á Asociación Española Contra o Cancro en Ourense para apoiar a investigación oncolóxica.
A Pasarela Solidaria de Allariz doa máis de 5.000 euros á investigación contra o cancro
A entrega do cheque realizouse coa participación de Teresa Quintana, Olga Ferreiro e Helen Aranburu, organizadoras e colaboradoras da iniciativa, xunto ao presidente da Asociación Española Contra el Cáncer, Germán Rodríguez-Saá, quen recibiu a doazón en representación da entidade.

Durante o acto, Rodríguez-Saá destacou “a implicación da organización, das persoas colaboradoras e de toda a sociedade alaricana, así como o compromiso do comercio local”, subliñando que este apoio resulta fundamental para impulsar accións solidarias cun impacto directo na investigación contra a enfermidade.
Desde a Asociación agradeceron a participación de todas as persoas que contribuíron ao éxito da iniciativa, especialmente mediante a compra de rifas, as achegas realizadas a través da fila 0 e a colaboración de empresas, entidades e negocios locais que respaldaron o evento.
A cita consolídase así como unha proposta que combina moda, solidariedade e compromiso social, converténdose nun exemplo da capacidade de mobilización da veciñanza de Allariz para apoiar a investigación e mellorar as expectativas de supervivencia fronte ao cancro.

