Eventos

A MIT de Ribadavia ofrecerá 25 espectáculos entre o 17 e o 25 de xullo

A Mostra Internacional de Teatro (MIT) de Ribadavia celebrará a súa 42ª edición entre os días 17 e 25 de xullo cunha programación que converterá a vila nun dos principais escaparates das artes escénicas contemporáneas da Península.

O festival ofrecerá 25 espectáculos e 10 actividades paralelas en quince espazos diferentes, entre teatros, rúas, prazas, edificios históricos e aldeas do municipio.

A MIT de Ribadavia ofrecerá 25 espectáculos entre o 17 e o 25 de xullo

A presentación oficial desta edición tivo lugar este mércores en Ribadavia coa participación das directoras artísticas Sabela Mendoza e Gena Baamonde, do alcalde César Fernández, do director da AGADIC Jacobo Sutil e do delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo.

No seu segundo ano á fronte da dirección artística, Mendoza e Baamonde consolidan unha proposta centrada na creación contemporánea, a diversidade de formatos e a capacidade das artes escénicas para fomentar o pensamento crítico e o diálogo social. A edición de 2026 inspírase nos conceptos de cita, eco e reverberación, reivindicando a escena como un espazo de encontro colectivo. A imaxe gráfica do festival é obra da artista ourensá Olalla Higo.

Entre os eixos temáticos da programación destaca a memoria histórica e a resistencia democrática, presente en montaxes como ICTUS (anatomía de “A derradeira leición” de Castelao), de Chévere; A Fortaleza, de A Feroz, centrada nas guerrilleiras antifranquistas galegas; ou José Afonso, ao vivo nos Coliseus 1983, do Teatro Experimental do Porto, sobre o legado do cantautor portugués e da Revolución dos Cravos.

A música terá tamén un papel protagonista.

A MIT acollerá a despedida dos escenarios de Mercedes máis eu, creación de Janet Novás e Mercedes Peón. Tamén contará con propostas como Roland Mon Amour, de Cris Balboa, ou Bio Construción, de Ibuprofeno Teatro, gañadora do Premio do Público da edición anterior.

A programación incorpora varias estreas en Galicia e reforza a súa aposta polas artes vivas, a danza contemporánea, os formatos experimentais e os proxectos participativos. Neste apartado destaca Ribadavia 26, resultado dun proceso de creación comunitaria desenvolvido durante dous anos polo colectivo A Volátil xunto á veciñanza da vila.

A MIT de Ribadavia ofrecerá 25 espectáculos entre o 17 e o 25 de xullo
Cartel da MIT 2026

Unha das principais novidades deste ano será a mellora da accesibilidade, coa incorporación progresiva de servizos de audiodescrición e interpretación en lingua de signos. Cinco espectáculos contarán xa con estas medidas, nun paso cara a un festival máis inclusivo.

A programación completarase con actividades formativas, encontros profesionais e a entrega do 21º Premio Abrente de Textos Teatrais, do Premio de Honra Roberto Vidal Bolaño e do Premio da Academia Galega de Teatro.

Os abonos para asistir á MIT xa están dispoñibles a través da web do festival, onde tamén se poñerán á venda proximamente as entradas individuais.

Botón volver arriba