O Sanysec-Club Atletismo Ourense competirá a próxima tempada na División de Honra tras proclamarse campión da Primeira División no Campionato de España de Clubs.
Gonzalo Pérez Jácome, alcalde de Ourense, xunto cos concelleiros de Deportes, Aníbal Pereira, e de Obras Públicas, Francisco Lorenzo, encabezaron a recepción oficial celebrada no salón de plenos.
O Sanysec-Club Atletismo Ourense regresa á elite estatal
Ao encontro asistiron as atletas do equipo, o presidente do club, Óscar Seoane, e o CEO da empresa patrocinadora Sanysec, Celso Moure.

Durante o acto, os representantes municipais felicitaron ao conxunto ourensán polo éxito acadado. O ascenso permitirá ao equipo feminino regresar á División de Honra, a máxima categoría do atletismo español por clubs, na que xa competira nas tempadas 2007-2008 e 2009-2010.
Pérez Jácome destacou a relevancia do logro e puxo en valor a composición do equipo. “É impresionante o que conseguistes”, afirmou o rexedor, quen subliñou que o Sanysec-Club Atletismo Ourense está formado case na súa totalidade por atletas da cidade e da provincia. “É un ascenso de Ourense, un logro inaudito polo difícil que é”, engadiu.
Pola súa banda, Aníbal Pereira trasladou ás deportistas o orgullo da cidade polo traballo realizado e animounas a gozar da nova etapa na máxima categoría. “A cidade está moi orgullosa de como nos representades”, asegurou o concelleiro de Deportes.
Co ascenso á División de Honra, o atletismo ourensán recupera presenza na elite estatal e culmina unha tempada histórica para o club.

