Deportes

Ourense acolle dúas probas do Ranking Galego de Trail Running 2026

A provincia de Ourense terá un papel destacado no Ranking Galego de Trail Running 2026, ao acoller dúas das oito competicións oficiais que integran o calendario presentado pola Federación Galega de Atletismo (FGA).

As citas de Vilamartín de Valdeorras e Muiños converterán á provincia nun dos principais escenarios da especialidade durante o segundo semestre do ano.

Ourense acolle dúas probas do Ranking Galego de Trail Running 2026

A primeira das probas ourensás disputarase o 6 de setembro en Vilamartín de Valdeorras coa celebración do Vertical O Sacauntos, que regresa ao calendario tras a suspensión da pasada edición polos incendios forestais. Esta competición será ademais o Campionato de Galicia de Subida Vertical e contará con dous percorridos: un curto de 2,2 quilómetros e 510 metros de desnivel positivo, e outro longo de 4,2 quilómetros e 1.010 metros de ascensión ata o Alto do Monzón.

A segunda cita chegará o 3 de outubro en Muiños, onde o Trail do Xurés se incorpora por primeira vez ao calendario oficial da FGA. A proba, integrada na Serie Prata, permitirá aos participantes competir nun dos espazos naturais máis emblemáticos de Galicia, na serra do Xurés, compartida con Portugal, e puntuará tanto para as categorías absolutas como de promoción.

O calendario oficial do Ranking Galego estará formado por oito competicións repartidas entre as catro provincias galegas e comezará o 29 de agosto no Courel, rematando o 27 de decembro en Lousame. Todas as probas outorgarán puntos para o ranking autonómico e tamén para o ITRA, permitindo aos corredores achegarse aos criterios de selección da Real Federación Española de Atletismo.

Ourense acolle dúas probas do Ranking Galego de Trail Running 2026

A Federación Galega de Atletismo completará o programa con catro xornadas de tecnificación entre setembro e decembro, destinadas á formación de atletas e adestradores co obxectivo de impulsar o desenvolvemento do trail running en Galicia.

Botón volver arriba