Noticias

Homenaxe a Celso de Poulo no Furriolo

Os colectivos Amigos da República, o Comité pola Memória Histórica do Val do Limia e o Comité de Memoria Histórica da Comarca de Celanova, xunto coa familia de Celso Pérez Enríquez, coñecido como Celso de Poulo, organizarán o vindeiro 18 de agosto unha homenaxe no Memorial do Furriolo, no concello da Bola, para lembrar o alcalde republicano de Gomesende e todas as vítimas dos chamados «paseos» perpetrados neste lugar tras o golpe de Estado de 1936.

O acto comezará ás 20.00 horas e enmárcase na programación do Día da Galiza Mártir, que se conmemora o 17 de agosto en lembranza das vítimas da represión franquista.

Homenaxe a Celso de Poulo no Furriolo

Durante a homenaxe tamén se recordará ás persoas asasinadas na contorna do Furriolo, tanto da comarca da Limia como da de Celanova, moitas delas aínda sen identificar.

Homenaxe a Celso de Poulo no Furriolo

Entre as vítimas identificadas figura Eduardo Villot Canal, mestre e membro da Asociación de Traballadores do Ensino (ATEO), que foi sacado do cárcere do Mosteiro de Celanova xunto con Celso de Poulo antes de ser asasinado no Alto do Furriolo. Ambos convertéronse nun símbolo da represión exercida contra os representantes da Segunda República.

Un alcalde comprometido coa República

Celso Pérez Enríquez naceu en 1885 en Cerdal, no municipio de Gomesende. Tras emigrar a Porto Rico e Cuba, regresou á súa terra en 1918, onde abriu o comercio El recreo obrero. Durante a Segunda República desempeñou unha intensa actividade política como alcalde de Gomesende pola Fronte Popular, deputado provincial e delegado de Transportes e de Actividades Pecuarias na Deputación de Ourense.

Homenaxe a Celso de Poulo no Furriolo

Segundo destacan os organizadores, a súa vivenda converteuse nun punto de encontro para republicanos, galeguistas e agraristas, chegando a recibir a figuras como Alexandre Bóveda e Castelao.

Tras o golpe militar de xullo de 1936 foi detido diante da súa casa, encarcerado en Ourense e posteriormente trasladado ao cárcere de Celanova. Entre os días 18 e 20 de agosto foi sacado da prisión e asasinado no Furriolo, onde foi enterrado nunha foxa común.

Os seus restos foron recuperados inicialmente en outubro de 1936 para seren trasladados ao cemiterio de Sorga e, xa en 1981, a súa familia realizou unha nova exhumación para darlle sepultura definitiva no cemiterio de Poulo.

O Furriolo, espazo de memoria

O Memorial do Furriolo foi inaugurado en 2006 por iniciativa do colectivo Arraianos. A obra, deseñada polo artista Xosé Vizoso, consiste nun mural que representa as vítimas da represión franquista e converteuse nun dos principais lugares de memoria histórica da provincia de Ourense. O monumento foi restaurado en 2021 grazas ao impulso do Comité de Memoria Histórica da Comarca de Celanova e á colaboración de artistas locais.

Botón volver arriba