A Xunta de Galicia destina preto de 44.000 euros ao Centro Comercial Aberto de Ourense para impulsar actividades de dinamización comercial e favorecer o incremento das vendas.
O delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, trasladou esta información ao presidente da Asociación de Comerciantes Empresarios e Profesionais do Centro Comercial Aberto de Ourense, Luis Rivera. Fixo durante a visita realizada esta mañá á sede da entidade.
A Xunta destina 44.000 euros ao comercio aberto de Ourense
A achega forma parte da última resolución das axudas da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración para a dinamización dos centros comerciais abertos de Galicia. O programa busca promover iniciativas capaces de incentivar o consumo, atraer clientes e reforzar a actividade dos pequenos negocios.

Segundo explicou Pardo, a convocatoria incorpora novos criterios de valoración. Os mesmos están relacionados coa formación dos comerciantes, a fidelización da clientela e a capacidade para atraer novos establecementos asociados. Ademais, como novidade, as axudas tamén contemplan os servizos de ludoteca e espazos de lecer infantís.
O delegado puxo en valor o papel dos centros comerciais abertos como ferramenta para dinamizar o comercio local e apoiar os pequenos negocios.
Este plan pretende reforzar a competitividade do sector mediante a modernización, a innovación, a sustentabilidade e o uso das novas tecnoloxías. Tamén pretende impulsar un comercio profesional, cualificado e de calidade.
Axudas noutras vilas ourensás
A provincia de Ourense conta con outras cinco entidades beneficiarias desta convocatoria. O Centro Comercial Aberto de Xinzo de Limia recibirá preto de 25.000 euros; o de O Barco de Valdeorras, preto de 44.000; Celanova, 44.000; Verín, preto de 75.000; e O Carballiño, 32.000 euros.
A Xunta sinala que estas achegas pretenden revitalizar o comercio de proximidade como elemento clave para o desenvolvemento económico e social das vilas e cidades ourensás.

