O delegado da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, desprazouse este sábado ao concello do Bolo para asistir á lectura do pregón da IV Feira Irmandiña, unha celebración que combina historia, tradición e promoción dos produtos locais.
A feira toma como referencia un episodio histórico ocorrido no castelo do Bolo no século XV, cando os Irmandiños asaltaron a fortificación durante as revoltas que protagonizaron en Galicia.
O Bolo recupera a memoria dos Irmandiños coa súa IV Feira Irmandiña
O ataque provocou a destrución de parte do castelo, que posteriormente foi reconstruído. Trátase dun acontecemento pouco coñecido e considerado singular na comarca de Valdeorras, que a Feira Irmandiña contribúe agora a recuperar e divulgar.

A celebración tamén busca poñer en valor as tradicións e os produtos locais, cunha feira na que teñen protagonismo os artigos artesáns e elaborados na contorna.
Deste xeito, o Concello do Bolo converte a súa historia nun elemento de dinamización cultural e turística, ao tempo que reivindica o patrimonio e os saberes tradicionais da comarca.

