O Concello de Ourense impulsa “A Media do Miño”, unha nova media maratón de 21,097 quilómetros que percorrerá a contorna do río e que terá a súa primeira edición na primavera de 2027.
O Concello de Ourense traballa na creación de “A Media do Miño”, unha nova proba de atletismo de 21,097 quilómetros que discorrerá integramente pola beira do río. A proposta contempla un percorrido de ida e volta entre Ourense e Alongos.
A Media do Miño: nova media maratón de Ourense
O alcalde, Gonzalo Pérez Jácome, o concelleiro de Deportes, Aníbal Pereira, e o xerente do Consello Municipal de Deportes, Mario González, reuníronse co vicepresidente da Federación Galega de Atletismo, Eladio Gómez, para avanzar na organización da carreira.

O Concello mantén tamén contactos coa Deputación de Ourense, xa que o trazado atravesará outro municipio limítrofe. Ademais, a normativa federativa obriga a que a saída e a chegada non estean separadas máis do 50% da distancia total. Por este motivo, a proba deberá adoptar un formato de ida e volta.
A organización aposta por un itinerario Ourense- Alongos-Ourense, que permitirá desenvolver a carreira xunto ao río. A primeira edición está prevista para a primavera de 2027.
O Concello pretende que “A Media do Miño” se incorpore ao circuíto galego de atletismo e que, no futuro, o percorrido sexa homologado para acoller un Campionato de España.
O San Martiño, o 8 de novembro
Na reunión tamén se abordaron os preparativos da Carreira Popular do San Martiño 2026, que xa ten data: celebrarase o domingo 8 de novembro.
O percorrido será “moi similar ao do ano pasado, con dúas modificacións moi pequenas para facelo máis rápido”, segundo avanzou o alcalde. O regulamento da proba someterase proximamente á aprobación do Consello Municipal de Deportes.

