A Xunta mantén aberta ata o 14 de setembro a convocatoria de axudas para poñer en marcha cinco novas casas niño, cun investimento de máis de 300.000 euros.
O delegado territorial, Manuel Pardo, visitou en Pontedeva a casa niño Raíces e Brotes, acompañado polo alcalde, Juan Carlos González. Pardo destacou que estes recursos permiten ofrecer atención gratuíta a menores de 0 a 3 anos e facilitar a conciliación das familias no rural.
A Xunta impulsa novas casas niño no rural ourensán
A nova convocatoria permitirá atender máis de 530 nenos e nenas en Galicia. As casas niño funcionan once meses ao ano e oito horas diarias, e poden atender ata cinco menores nos concellos de menos de 5.000 habitantes.

Galicia conta actualmente con arredor dun cento de casas niño, cun investimento autonómico superior aos 13,5 millóns de euros. Na provincia de Ourense existen 49 recursos distribuídos por distintos concellos.
Pardo lembrou que estes servizos funcionan desde 2016 e forman parte das medidas da Xunta para favorecer a conciliación e a igualdade de oportunidades entre o rural e as cidades. Neste ámbito tamén destacou a gratuidade da educación infantil de 0 a 3 anos e o Bono Concilia Familia.

