Noticias

Comezan as obras de mobilidade vertical na rúa Vasco Díaz Tanco

As obras de humanización e mellora da mobilidade vertical na rúa Vasco Díaz Tanco, no barrio da Cuña, xa están en marcha cun investimento de 5,1 millóns de euros.

A actuación, promovida polo Concello de Ourense, permitirá renovar por completo a vía e facilitar os desprazamentos nunha zona marcada pola súa forte pendente.

Comezan as obras de mobilidade vertical na rúa Vasco Díaz Tanco

O proxecto contempla a renovación das redes de saneamento, iluminación e electricidade, así como a creación de novas zonas verdes. O elemento principal serán cinco ramplas mecánicas, con capacidade para transportar ata 6.000 persoas por hora e dous tramos de 50 e 53 metros.

Comezan as obras de mobilidade vertical na rúa Vasco Díaz Tanco.
Foto: Concello de Ourense

Os traballos serán executados por Oreco Balgon SA por 4.455.478,42 euros e terán un prazo de execución de 12 meses. A empresa ofrecerá, ademais, catro anos adicionais de garantía e cinco anos de mantemento integral gratuíto dos elementos mecánicos.

A intervención estará cofinanciada pola Unión Europea a través dos fondos FEDER, no marco do Programa Plurirrexional de España 2021-2027 e do Plan EDIL. A Deputación de Ourense tamén colaborará cunha achega de 9.000 euros.

O alcalde, Gonzalo Pérez Jácome, e o concelleiro de Obras Públicas, Francisco Lorenzo, asistiron ao inicio dos traballos. Jácome salientou que a actuación permitirá revalorizar o barrio e mellorar o acceso ao centro de saúde, á Universidade Laboral e para o conxunto da veciñanza.

Lorenzo destacou que se trata dunha renovación completa da rúa e que as novas ramplas cambiarán a mobilidade tanto da Cuña como da súa contorna.

Botón volver arriba