Avante Ourense reclama ao Concello un estudo técnico, económico e xurídico que compare o actual modelo de xestión do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) coa prestación directa municipal.
A formación xa incluíu a remunicipalización do servizo entre as propostas de Ourense Merece Máis.
Avante pide estudar a xestión pública do SAF e modernizar o transporte
O coordinador de Avante, Francisco Diéguez, defende que os datos deben permitir avaliar custos, necesidades de persoal, condicións laborais e calidade asistencial. A formación tamén solicita información sobre persoas usuarias e en lista de espera, horas concedidas e prestadas, persoal, financiamento, reclamacións e situación contractual.

Avante reclama que as conclusións do estudo sexan públicas e asegura que calquera cambio debe garantir a continuidade e calidade da atención.
A formación presentou tamén propostas para modernizar o transporte urbano, entre elas a creación dunha única Milenio Xove. Esta sería gratuita entre os 0 e os 18 anos e renovación anual ata os 27 para persoas que acrediten actividade formativa.
A segunda medida consiste en instalar nos autobuses sistemas de pagamento con tarxeta bancaria ou dispositivos contactless, incluídos teléfonos móbiles e reloxos intelixentes, sen necesidade de dispor previamente da Tarxeta Milenio ou levar efectivo.
Avante pide ao Concello que estude a viabilidade técnica, económica e xurídica de ambas as medidas.

