A Sala Municipal José Ángel Valente acolle ata o 31 de outubro a exposición Centenario dos Grandes Voos da Aviación Española (1926-1935), unha mostra gratuíta que percorre oito fitos da historia aeronáutica a través de fotografías, documentos, maquetas e obxectos orixinais.
A exposición inaugurouse coa participación do alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, e do xeneral de división Alfonso Reyes Leis, xefe do Mando Aéreo Xeral. O comisario da mostra, o xeneral Jorge Clavero, guiou posteriormente unha visita polas pezas expostas.
A historia dos grandes voos da aviación chega a Ourense
O percorrido comeza co voo do Plus Ultra, que despegou de Palos de la Frontera o 22 de xaneiro de 1926 con destino a Bos Aires. A partir deste episodio, a exposición repasa as principais xestas aéreas do período de entreguerras, cando a aviación representaba un dos grandes desafíos tecnolóxicos da época.

Os fondos proceden principalmente do Museo de Aeronáutica e Astronáutica, con achegas doutras institucións e coleccións particulares. Durante a mostra, dous expertos en historia aeronáutica realizarán visitas guiadas. Os colectivos interesados poden solicitalas a través da Subdelegación de Defensa en Ourense.
A exposición poderá visitarse de balde no Centro Cultural José Ángel Valente ata o 31 de outubro. O horario é de martes a sábado, de 11:00 a 13:30h e de 17:00 a 20:00h, e os domingos, de 11:00 a 13:30h.

