Ourense impulsa hábitos saudables na infancia cun ciclo de obradoiros de alimentación dirixido a escolares de entre 3 e 5 anos, no marco do Programa Educación en Saúde e coincidindo co Día da Saúde.
A iniciativa da Concellería de Educación chega nesta edición a un total de 807 alumnos e alumnas de 21 centros educativos da cidade.
Obradoiros de alimentación saudable chegan a 800 escolares en Ourense
A concelleira de Educación, Tamara Silva, visitou unha das sesións no colexio Concepción Arenal, onde comprobou de primeira man o desenvolvemento desta actividade.

O programa ten como obxectivo fomentar bos hábitos alimenticios desde idades temperás, empregando a educación como ferramenta clave para que a poboación infantil interiorice pautas de vida saudables.
Durante os obradoiros, os nenos e nenas participan en experiencias prácticas que inclúen a degustación de alimentos adaptados á súa idade, como froitas, iogur ou minipizzas, favorecendo así unha relación positiva coa alimentación equilibrada.
Desde a Concellería de Educación destacan que esta iniciativa pretende consolidar condutas nutricionais correctas a longo prazo e contribuír á prevención de problemas de saúde asociados a unha mala alimentación, reforzando a importancia da educación en saúde no ámbito escolar.

