O Grupo Provincial Socialista reafirmou o seu compromiso coa defensa dos servizos públicos no rural ourensán.
Os socialistas salientaron o apoio unánime de todos os grupos representados na Deputación de Ourense á moción conxunta que insta a Renfe a manter as actuais frecuencias do AVE na estación da Gudiña – Porta de Galicia.
O PSdeG destaca o apoio unánime para defender o AVE na Gudiña
Na súa intervención, o deputado socialista Álvaro Vila advertiu: “Non podemos permitir que se minoren servizos esenciais nunha zona clave, fundamental para centos de persoas que cada día precisan desprazarse por motivos laborais, sanitarios ou educativos”.
Os socialistas rexeitan con rotundidade a rebaixa de trens diarios, de 9 a 6. Consideran que esta medida supón un novo golpe para a comarca, xa castigada pola progresiva perda de servizos públicos.
Vila destacou que “temos a obriga de garantir a todas e todos a mesma calidade de vida e oportunidades que teñen aqueles que residen nas grandes cidades porque, amais, é o único xeito de paliar o despoboamento e lograr un desenvolvemento equilibrado da provincia”.
O Grupo Socialista subliñou que subscribirá todas as iniciativas necesarias para evitar os recortes previstos a partir do 9 de xuño.

Celebra ademais que todos os grupos políticos da Deputación sumaron forzas nesta defensa do rural.