Noticias

A Audiencia Provincial arquiva a causa contra Jácome por presunta prevaricación

A Audiencia Provincial de Ourense decretou o sobresemento libre da causa na que se investigaba ao alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, por unha posible comisión dun delito continuado de prevaricación.

Este está relacionado coa falta de solicitude de compatibilidade entre o seu cargo con dedicación exclusiva e o desenvolvemento de actividades profesionais, entre elas a dirección dunha televisión local.

A Audiencia Provincial arquiva a causa contra Jácome por presunta prevaricación

A resolución estima o recurso de apelación presentado polo rexedor e revoga o auto emitido o pasado 14 de abril de 2026 pola Sección de Instrución do Tribunal de Instancia de Ourense, que acordara continuar a tramitación das dilixencias previas mediante o procedemento abreviado ao considerar que os feitos poderían encaixar nun delito de prevaricación administrativa recollido no artigo 404 do Código Penal.

A Audiencia Provincial arquiva a causa contra Jácome por presunta prevaricación

No seu auto, a Sala considera que “non toda omisión ou incumprimento dun deber por parte dun funcionario pode catalogarse de prevaricación administrativa omisiva”. Os maxistrados sinalan ademais que resulta “cuestionable” esixir unha declaración de compatibilidade cando un membro dunha corporación local con dedicación exclusiva realiza actividades remuneradas de carácter marxinal. Esta é unha cuestión que, ao seu xuízo, debería ser analizada pola vía contencioso-administrativa.

A Audiencia destaca tamén que a actuación do alcalde estivo avalada por informes técnicos e pola posición mantida pola Fiscalía. A mesma xa arquivara previamente unhas dilixencias polos mesmos feitos ao non apreciar indicios de infracción penal.

Así mesmo, o tribunal subliña que os técnicos municipais non formularon reparos de legalidade sobre esta situación e conclúe que, de existir algunha posible irregularidade, esta debería resolverse no ámbito contencioso-administrativo e non na xurisdición penal.

Botón volver arriba