O BNG de Ourense cargou contra o alcalde, Gonzalo Pérez Jácome, tras as explicacións ofrecidas na Xunta de Portavoces celebrada esta mañá sobre a situación dos pagos a provedores do Concello.
A formación nacionalista considera que os argumentos expostos polo rexedor non xustifican o actual escenario de morosidade e colapso administrativo.
O BNG acusa a Jácome de eludir responsabilidades polo atraso nos pagos
O portavoz nacionalista, Luís Seara, afirmou que o alcalde “pretende eludir a súa propia responsabilidade e acusar aos demais da súa incapacidade para xestionar o día a día do Concello”. Segundo Seara, non se pode atribuír a situación exclusivamente a un departamento municipal ou a un funcionario, unha postura que cualificou de “cobarde” e baseada en argumentos “falsos”.

Desde o BNG sosteñen que o departamento sinalado polo goberno local leva anos sufrindo unha redución de persoal e continuos traslados de traballadores, unha situación que, segundo indican, dificulta o seu funcionamento normal e foi advertida en diferentes informes e comunicacións do órgano fiscalizador municipal.
A formación tamén critica o que considera unha vulneración reiterada dos procedementos administrativos e de contratación por parte do executivo de Democracia Ourensana. Segundo os nacionalistas, esta situación provoca que numerosas facturas teñan que ser corrixidas, reparadas ou anuladas por non cumprir os requisitos legais, o que retrasa a súa tramitación e incrementa a carga de traballo do persoal encargado.
Seara reclamou ao alcalde que adopte medidas para reforzar o Departamento de Intervención e dotalo de máis recursos humanos, co obxectivo de axilizar os expedientes e reducir os atrasos nos pagos. O portavoz lembrou que por este servizo pasa unha parte moi importante da actividade administrativa municipal.
Por último, o BNG criticou que Jácome anime os provedores a recorrer á vía xudicial para reclamar os seus cobros. A formación considera que esta postura pode derivar en maiores custos para as arcas municipais debido ao pagamento de xuros e costas procesuais, e reclama ao goberno local que priorice a defensa dos intereses da institución e da veciñanza mediante a mellora da xestión administrativa.

