Noticias

O BNG denuncia que Ourense devolve 1,7 millóns de fondos Next Generation

O BNG de Ourense denunciou que o Concello renunciou a 1.769.563,80 euros en axudas europeas dos fondos Next Generation destinadas á rehabilitación de barrios e da zona histórica.

A formación atribúe esta decisión á «incapacidade de xestión» do Goberno local.

O BNG denuncia que Ourense devolve 1,7 millóns de fondos Next Generation

Segundo explicou o portavoz municipal e candidato do BNG, Luís Seara, o Concello adheriuse ao programa en xaneiro de 2023 e a súa participación quedou ratificada en maio dese ano coa sinatura do convenio entre o Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS) e o alcalde de Ourense.

O BNG denuncia que Ourense devolve 1,7 millóns de fondos Next Generation
Foto: BNG

As actuacións previstas incluían a rehabilitación da zona histórica, o núcleo etnográfico de Seixalbo e as áreas de rehabilitación do Polvorín, As Camelias, A Carballeira, San Mamede, Cruceiro Quebrado e A Inmaculada, cun investimento total próximo aos dous millóns de euros.

Porén, segundo trasladou o BNG, o director xeral do IGVS asinou en maio deste ano a resolución que acepta a renuncia do Concello ás subvencións, obrigando á devolución de 1.769.563,80 euros.

«Resulta inconcibible que se presente un Plan de dinamización da Área Rexurbe mentres se devolven preto de dous millóns de euros que poderían empregarse para recuperar zonas especialmente degradadas como o casco histórico», afirmou Seara.

A formación nacionalista sostén que esta decisión evidencia a «absoluta incompetencia e incapacidade de xestión» do Executivo municipal. Ademais, asegura que a perda destas axudas súmase a outras subvencións non executadas, como as da Praza de Abastos nº 1 e o edificio da Praza da Trindade, elevando, segundo o BNG, a máis de cinco millóns de euros os fondos perdidos.

O grupo municipal tamén advertiu de que a devolución das axudas podería afectar á capacidade do Concello para captar financiamento europeo no futuro e considera que esta situación deixa «seriamente comprometido» o desenvolvemento do Plan da Área Rexurbe.

Botón volver arriba