Noticias

O BNG pide devolver os orzamentos de 2026

O BNG no Concello de Ourense rexistrou unha emenda de devolución ao proxecto de Orzamento Xeral municipal de 2026.

Consideran que o expediente presentado polo Goberno local presenta “graves eivas” que impiden unha avaliación rigorosa e a formulación de emendas parciais.

O BNG pide devolver os orzamentos de 2026

O portavoz municipal nacionalista, Luís Seara, explicou que, tras analizar a documentación, o grupo detectou cuestións formais e de fondo que consideran “inasumibles”.

Foto: BNG

Entre elas, sinalou as dúbidas sobre o órgano competente para abrir o prazo de emendas e, especialmente, a ausencia do informe da Intervención Xeral, documento que consideran preceptivo para a tramitación do expediente.

“Desde o BNG non compartimos a idea de emendar un expediente que está incompleto ao faltar un dos informes máis relevantes do mesmo”, apuntou Seara, quen reclamou que o documento sexa remitido de novo cando estea completo para poder ser analizado con todas as garantías.

Outro dos argumentos recollidos na emenda fai referencia ás Bases de Execución, que segundo o grupo nacionalista consolidan, ao seu xuízo, un modelo de xestión que limita o control e a fiscalización municipal, ao tempo que amplía a capacidade de decisión da Alcaldía na xestión dos recursos públicos.

O BNG tamén advirte de posibles irregularidades no Capítulo I, relativo ao persoal municipal, ao entender que o procedemento seguido presenta similitudes con proxectos orzamentarios anteriores que acabaron anulados ou xudicializados por cuestións vinculadas á negociación colectiva.

Seara sostén que estas coincidencias “levan a non confiar nunha resolución distinta” no caso de que o actual proxecto sexa finalmente aprobado polo Pleno.

Botón volver arriba