Noticias

O BNG de Ourense critica a xestión trala sentenza que devolve 1,4 millóns ao Concello

O BNG de Ourense valora a sentenza da Audiencia Nacional que permitirá ao Concello recuperar máis de 1,4 millóns de euros, pero cualifica de “despropósito” todo o procedemento seguido durante anos.

Este fallo xudicial, que estima o recurso presentado no seu día polo Concello de Ourense, supón o ingreso de 1.435.265,66 euros nas arcas municipais.

O BNG de Ourense critica a xestión trala sentenza que devolve 1,4 millóns ao Concello

O portavoz nacionalista, Luís Seara, amosou unha satisfacción contida. “Aledámonos de recuperar eses cartos máis o certo é que dunha primeira lectura da sentenza o que podemos concluír con claridade é que todo o procedemento foi un auténtico despropósito”, afirmou.

O BNG de Ourense critica a xestión trala sentenza que devolve 1,4 millóns ao Concello
Foto: BNG

O portavoz do grupo municipal sinala que esta situación afecta ás etapas de goberno de Jesús Vázquez e de Gonzalo Pérez Jácome. Seara cuestiona a xestión realizada arredor desta subvención.

Seara subliña que, aínda que se recupera unha parte importante dos fondos, non se poderá recuperar a totalidade da axuda concedida no seu día. “Grazas á torpeza do Estado e ao seu desleixo, o Concello vai recuperar algo máis de 1,4 millóns de euros, mais non debemos esquecer que non imos recuperar a outra parte da subvención, que ascende a 2,3 millóns de euros”, advertiu Seara.

Os nacionalistas instan agora ao goberno local a destinar estes fondos a finalizar a Praza de Abastos nº1. Solicitan que o obxectivo sexa facilitar o regreso das praceiras e praceiros canto antes. Ademais, reclaman ao Ministerio que non recorra a sentenza para que o Concello poida dispoñer dos cartos e empregalos para o fin inicialmente previsto.

Botón volver arriba