O BNG deu a coñecer publicamente este domingo os nomes das persoas que ocuparán os catorce primeiros postos da súa candidatura ao Concello de Ourense para as eleccións municipais de maio de 2027.
Nun acto político celebrado nos exteriores do Arquivo Provincial, a formación nacionalista escenificou a súa estratexia para situarse como a principal forza do cambio fronte ao actual goberno local, transmitindo un proxecto que definen como solvente e preparado para asumir a xestión municipal de inmediato.
Candidatura do BNG de Ourense para as municipais de 2027
O actual portavoz municipal e candidato á Alcaldía, Luís Seara, foi o encargado de introducir ao equipo que o acompañará. Durante o seu discurso, o líder nacionalista defendeu a composición da lista electoral sinalando que “son un equipo de persoas solventes e comprometidas, con experiencia en xestión e preparadas para asumir desde o primeiro minuto o goberno deste Concello”.

A formación aposta por unha combinación de perfís institucionais, técnicos e activistas para ofrecer unha alternativa sólida aos veciños.
Unha lista con experiencia e renovación sectorial
A proposta presentada polo BNG para o Concello de Ourense combina a continuidade dos seus actuais representantes institucionais coa incorporación de novos perfís procedentes de diversos ámbitos sociais e profesionais. Nos postos de saída repiten os actuais concelleiros Rhut Marina Reza, Xosé Manuel Puga e Erea Blanco, reforzando o peso da acción política desenvolvida durante este mandato.
A candidatura complétase con representantes do eido sindical, como Elena Añel (CIG), do movemento social, como Hadrián Alonso (Plataforma vivenda xa!), e do mundo académico e profesional, con perfís vinculados á docencia, a enxeñería ou o dereito ambiental. O partido nacionalista destaca que esta listaxe conxuga a implantación territorial nos barrios con enfoques sectoriais crave para o desenvolvemento económico e cultural da cidade.
O BNG sitúase como a alternativa de goberno
No eido estritamente político, Luís Seara quixo confrontar de xeito directo co actual modelo de xestión do Concello. O candidato nacionalista manifestou que “todos os enquéritos dinnos que o BNG converteuse na alternativa a Jácome e de aí esta candidatura”. A mensaxe da formación céntrase en superar o que cualifican como unha situación de «secuestro» do potencial económico e termal da cidade debido á falta de planificación institucional.
O proxecto que expón o partido defende unha mudanza profunda baseada no diálogo e no investimento estratéxico en infraestruturas básicas. Segundo debullou o voceiro nacionalista na súa intervención, o obxectivo prioritario é “poñer Ourense a funcionar”, promovendo un modelo que devolva a centralidade aos barrios e parroquias, dignifique as institucións e cree oportunidades reais que eviten a emigración da mocidade local.
Os 14 primeiros postos da candidatura nacionalista
- 1. Xosé Luís Seara Fernández: Actual Concelleiro-Portavoz municipal. Diplomado en Maxisterio.
- 2. Rhut Marina Reza Álvarez: Actual Concelleira. Licenciada en Ciencias do Mar.
- 3. Xosé Manuel Puga González: Actual Concelleiro. Xestor de Fondos europeos.
- 4. Erea Blanco Gallego: Actual Concelleira. Licenciada en Filoloxía.
- 5. Xurxo Rodríguez Sánchez: Responsable local do BNG. Licenciado en Ciencias Políticas.
- 6. María González Rodríguez: Licenciada en Historia.
- 7. Hadrián Alonso Álvarez: Traballador da hostalería e activista social.
- 8. Elena Añel Cabanelas: Doutora en Psicopedagoxía e membro da CIG.
- 9. Xosé Diz Romay: Funcionario da Xunta de Galiza.
- 10. María Novoa Gómez: Licenciada en Ciencias Empresariais e activista veciñal.
- 11. Félix Souto Iglesias: Doutor en Física e profesor de ensino secundario.
- 12. Laura Magalhaes de Andrade: Avogada especialista en dereito ambiental.
- 13. Máximo Sotelo García: Enxeñeiro industrial e ex-xefe de electromedicina do CHUO.
- 14. Chelo López Caride: Traballadora do Servizo da ORA.

