As contedores soterrados de Ourense levan doce anos fóra de servizo e continúan ocupando espazo en distintas rúas da cidade.
Así o denuncia o grupo municipal do BNG, que levará ao pleno unha iniciativa para reclamar a súa retirada definitiva e a recuperación dos espazos públicos que ocupan.
O BNG reclama retirar os contedores soterrados inutilizados tras doce anos precintados
Segundo explican os nacionalistas, este mes cúmprense doce anos desde que se precintaron estas instalacións, un sistema de recollida de residuos que, ao seu xuízo, resultou ser unha aposta errada debido aos elevados custos de mantemento, ás continuas avarías e aos problemas de salubridade e malos cheiros que xeraba. Ademais, lembran que tamén supuña riscos para o persoal encargado da súa manipulación, chegando a rexistrarse incidentes graves.

O BNG sinala que, durante todos estes anos, distintos gobernos municipais intentaron atopar unha solución sen éxito. As propostas formuladas abrangueron desde reparacións básicas ata a súa substitución integral, pero ningunha chegou a materializarse.
O portavoz municipal nacionalista, Luís Seara, lembra que o alcalde, Gonzalo Pérez Jácome, comprometeuse no programa electoral de 2019 a resolver esta situación nun prazo máximo de 90 días se accedía á Alcaldía. “Pasaron sete anos e os contedores soterrados seguen facendo parte da imaxe da cidade. Que foi daquela promesa de que ía resolver a desfeita dos gobernos anteriores?”, cuestiona.
Desde o BNG sosteñen que moitas destas instalacións, situadas algunhas delas no casco histórico, continúan deteriorando a imaxe urbana. Aseguran que, malia estar precintadas, seguen acumulando lixo, sucidade e malos cheiros, xa que algunhas persoas continúan depositando residuos no seu interior.
Por este motivo, os nacionalistas consideran que xa non abonda con manter os contedores selados e defenden a súa eliminación física. “É hora de tomar unha decisión. Consideramos que é preciso retiralos e recuperar o espazo público que ocupan”, afirma Seara, quen cualifica estas estruturas como un elemento que contribúe ao feísmo urbano e á degradación da contorna.

