O Concello de Ourense gaña o preito dos Franciscanos en Ourense tras unha nova sentenza do Tribunal de Instancia que avala a actuación municipal no litixio do edificio anexo aos Franciscanos.
Este fallo desestima o recurso presentado pola empresa promotora contra o arquivo da súa solicitude de modificación da licenza de obra outorgada en 2013.
O Concello de Ourense gaña o preito dos Franciscanos en Ourense
O tribunal considera que non é posible utilizar unha modificación de licenza para legalizar, a posteriori, cambios substanciais xa executados nun inmoble finalizado.

A resolución recolle de forma clara que esta figura administrativa está pensada para obras en execución e con control previo da Administración. “A figura da modificación da licenza, que presupón unha obra en execución e un control previo por parte da Administración, non pode ser utilizada para convalidar, a posteriori, desviacións substanciais da legalidade urbanística xa consumadas”, sinala a maxistrada.
O conflito urbanístico remóntase a 2013, cando se concedeu a licenza para o edificio situado na rúa Xoaquín Lorenzo “Xocas” con Cardenal Quevedo. A empresa executou obras con exceso de volume e edificabilidade, especialmente nos voos pechados, o que impediu a concesión da licenza de primeira ocupación.
Tras varios recursos xudiciais previos xa favorables ao Concello, a promotora solicitou en setembro de 2023 un modificado para tentar regularizar o resultado final da obra. O Concello arquivou esa petición en febreiro de 2024 ao entender que a obra xa estaba rematada e non procedía esa vía.
A nova sentenza confirma ese criterio municipal. Isto supón a quinta resolución xudicial favorable ao Concello neste asunto e impón á empresa o pagamento das costas do proceso.

