O Concello de Sandiás acolleu o pasado xoves 28 de xullo unha actividade do programa «Veráns de Lecer Consumo», unha iniciativa da Xunta de Galicia desenvolvida a través do Instituto Galego do Consumo e da Competencia para fomentar entre a infancia hábitos de consumo responsables e sostibles durante o verán.
A proposta, celebrada no Local Social de Sandiás, foi gratuíta e estivo aberta a todos os nenos e nenas do municipio, participasen ou non no campamento de verán.
Sandiás impulsa o consumo responsable cunha xincana infantil
A xornada desenvolveuse mediante unha xincana por equipos, na que os participantes superaron diferentes probas relacionadas co consumo responsable. Ao longo da actividade abordáronse conceptos como os dereitos das persoas consumidoras, os hábitos de compra responsables, a obsolescencia programada, a importancia das 3R (reducir, reutilizar e reciclar) e o aforro de auga e enerxía.

A iniciativa rematou coa elaboración dun cartaz colaborativo sobre o consumo responsable e sostible, unha actividade que fomentou a creatividade, o traballo en equipo e a reflexión sobre como os pequenos xestos do día a día contribúen á protección do medio ambiente.
Con este tipo de accións, o programa «Veráns de Lecer Consumo» busca combinar lecer e educación para formar unha cidadanía máis consciente, responsable e comprometida co seu contorno.

