O Concello de Ourense deu un paso decisivo para garantir a prestación do servizo de autobús urbano durante os vindeiros cinco anos.
A Xunta de Goberno Local, reunida esta mañá en sesión extraordinaria e urxente, acordou adxudicar o contrato do servizo de transporte público colectivo urbano á unión temporal de empresas formada por Sagalés SA e Empresa Gavilanes SL.
Ourense adxudica o novo contrato do transporte urbano ata 2031
Segundo informou o goberno municipal, a proposta foi seleccionada por presentar a oferta con mellor relación calidade-prezo, de acordo cos criterios establecidos no prego de prescricións técnicas e no de cláusulas administrativas particulares aprobados previamente polo Concello.

A Xunta de Goberno tamén aprobou o reaxuste das anualidades do contrato, que terá unha duración de cinco anos. O período de execución estenderase desde o 1 de xullo de 2026 ata o 30 de xuño de 2031.
O importe total da adxudicación ascende a 48.917.567,68 euros, IVE incluído, e permitirá asegurar a continuidade do servizo de transporte público colectivo urbano na cidade durante o próximo quinquenio.

