Noticias

300 escolares participan nunha exhibición de danza contemporánea en Ourense

A danza contemporánea protagonizou esta mañá unha actividade educativa organizada pola Concellería de Educación do Concello de Ourense na praza da Escola Municipal de Música, xunto ao Auditorio.

A iniciativa, incluída na programación de fin de curso, reuniu arredor de 300 alumnos e alumnas de 6º de Primaria e Secundaria de diferentes centros educativos da cidade.

300 escolares participan nunha exhibición de danza contemporánea en Ourense

O alumnado asistiu á representación das catro coreografías finalistas do certame internacional Sólodos en Danza, un festival e concurso coreográfico iberoamericano que fomenta o intercambio cultural entre diferentes continentes e que achega a creación contemporánea ao público máis novo.

300 escolares participan nunha exhibición de danza contemporánea en Ourense.
Foto: Concello de Ourense

Durante a xornada representáronse as pezas Principio de incertidumbre, interpretada por Marina Melero; Unarys, a cargo de Rocío Erpel e Adrián Martínez; A vergonza era verde e comeuna unha vaca, interpretada por Alicia López; e Pack-back, de Marillsa Gaillichio, con asistencia coreográfica de Alessia Sinato.

Nesta edición, os estudantes tiveron ademais un papel activo na elección da proposta gañadora do Premio Xove, xa que as súas votacións serviron para decidir o recoñecemento. A peza Pack-back resultou finalmente a vencedora.

A actividade completouse cun encontro entre o alumnado e os bailaríns e bailarinas participantes. Segundo destacou a organización, as creacións de artistas emerxentes adoitan abordar experiencias biográficas e cuestións próximas ás inquietudes da mocidade, o que favorece a conexión dos escolares coa danza e coa expresión a través do movemento.

Botón volver arriba