A Concellería de Educación de Ourense pon en marcha a terceira edición da Escola Municipal Continua, cun total de 37 obradoiros dirixidos á poboación adulta empadroada no municipio.
A programación estrutúrase en cinco grandes áreas: Formación, Novas Tecnoloxías, Cultura do corpo e da saúde, Arte e creatividade e Medio ambiente, co obxectivo de dar resposta ás inquedanzas formativas e de lecer da cidadanía.
O Concello de Ourense lanza 37 obradoiros para adultos
As actividades están orientadas a persoas maiores de 18 anos. A inscrición realizarase exclusivamente por vía telemática a través da web municipal, e cada solicitante poderá anotarse nun máximo de 4 obradoiros.

Ante a previsión de alta demanda, o Concello establece unha orde de prioridade na adxudicación das prazas: en primeiro lugar, persoas en situación de desemprego, xubilados/as e amas/os de casa; en segundo, estudantes; e, por último, persoas en activo. En caso de empate, aplicarase a orde de entrada das solicitudes.
Unha vez aceptada a solicitude, as persoas admitidas recibirán un correo electrónico coas instrucións para formalizar a matrícula. O custo de cada obradoiro será de 33 euros, importe que só se devolverá no caso de que a organización anule a actividade.

