A comunidade senegalesa de Ourense celebrará este domingo, 2 de agosto, a súa festa anual no Campo da Feira cunha xornada aberta a toda a cidadanía, na que haberá música, actividades e gastronomía tradicional.
O encontro está organizado pola comunidade senegalesa coa colaboración do Concello de Ourense. A cidade conta con preto de 500 persoas de orixe senegalesa, que convidan á veciñanza a participar nesta celebración. Tamén asistirán persoas chegadas doutros puntos da provincia.
O Campo da Feira acolle a festa da comunidade senegalesa de Ourense
Gonzalo Pérez Jácome, alcalde de Ourense, reuniuse recentemente con representantes da comunidade para ofrecer o apoio municipal á organización do evento. O Concello destaca que esta colaboración forma parte da súa liña de apoio aos colectivos de residentes procedentes doutros países, como Colombia, Ecuador ou Venezuela.

A xornada conmemorará o Magal Touba, unha das celebracións relixiosas máis importantes do Senegal. Segundo explica Tala, un dos organizadores, “será un día moi especial para nós, xa que celebramos o Magal Touba, que se chama así porque a celebración principal ten lugar na cidade senegalesa de Touba”.
Esta festividade celébrase en todo o mundo na honra de Cheikh Ahmadou Bamba, teólogo musulmán e fundador da confraría mouride. Reúne cada ano a milleiros de persoas para compartir un día de convivencia, tradición e cultura.

