Noticias

A Festa da Independencia de Colombia volverá celebrarse en Ourense os días 18 e 19 de xullo

A Festa da Independencia de Colombia regresará a Ourense os días 18 e 19 de xullo cun programa cheo de actividades culturais, música, gastronomía e propostas para toda a familia.

Esta celebración, organizada pola asociación Colombia Unida coa colaboración do Concello, terá lugar nos xardíns do Bispo Cesáreo.

A Festa da Independencia de Colombia volverá celebrarse en Ourense os días 18 e 19 de xullo

O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, e a concelleira de Festexos, Noa Rouco, recibiron no salón de plenos a Rhina Dayana Rolong e Ingrid Juliet, representantes da entidade organizadora. Alí deron a coñecer os detalles dunha cita que busca reunir á ampla comunidade colombiana asentada na cidade, formada por máis de 3.000 persoas.

A Festa da Independencia de Colombia volverá celebrarse en Ourense os días 18 e 19 de xullo
Foto: Concello de Ourense

A programación incluirá bailes tradicionais, música en vivo, actos culturais, xogos populares, comidas típicas e actividades participativas. Será un ambiente pensado para compartir a cultura colombiana co conxunto da cidadanía. Desde a organización destacan que a festa pretende ser un punto de encontro tanto para os colombianos e colombianas residentes en Ourense como para todas as persoas interesadas en achegarse ás súas tradicións.

Ingrid Juliet avanzou que a celebración se desenvolverá ao longo de dúas intensas xornadas. O sábado arrancará pola mañá e prolongarase ata a medianoite, mentres que o domingo as actividades continuarán desde primeira hora ata as 22:00 h. Entre as novidades haberá un escenario aberto á participación cidadá, onde quen o desexe poderá cantar, bailar ou mostrar o seu talento.

A organización repetirá emprazamento nos xardíns do Bispo Cesáreo tras a boa acollida da edición anterior. Segundo explicaron, o obxectivo continúa sendo o mesmo: dar a coñecer a riqueza cultural de Colombia e fomentar a convivencia entre diferentes comunidades a través da música, a gastronomía e as tradicións populares.

Os detalles completos do programa daranse a coñecer nas próximas semanas.

Botón volver arriba