A LV Festa do Peixe de Bande celebrarase do 29 ao 31 de maio cun programa que combina gastronomía, música, artesanía e o tradicional campionato de pesca no río Limia.
A presentación contou coa participación do delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, e da alcaldesa de Bande, Sandra Quintas.
Bande celebra a 55ª Festa do Peixe
Manuel Pardo destacou os 55 anos de historia dun evento que en 2013 foi declarado Festa de Interese Turístico de Galicia, e que naceu da iniciativa dun grupo de afeccionados á pesca. A festa consolidouse como unha das máis emblemáticas da provincia pola súa tradición e pola riqueza dos ríos da Baixa Limia.

A programación inclúe o campionato de pesca o sábado ás 08:00 h en Ponte Liñares, ademais de degustacións de empanadas, peixe e pan artesanal, xunto cunha ruta de pinchos na praza da Constitución.
Como novidades, haberá actuacións da Disco Móvil A Gramola e do grupo venezolano Los Coleguitas, dirixidas á mocidade. Tamén se instalará o Mercado de Artesanía Alimentaria e desenvolverase o concurso escolar de vídeos curtos ‘Peixiños nas Redes’, centrado no coidado dos ríos e do medio ambiente.

