As Festas de Ourense 2026 pecháronse cun balance moi positivo por parte do alcalde, Gonzalo Pérez Jácome, quen asegurou que a edición deste ano consolidou un formato que, ao seu xuízo, medra en participación e seguimento.
O rexedor afirmou que “foron un éxito total de público, nun formato que se consolida e que cada ano vai a máis” e subliñou que todas as actividades programadas rexistraron unha elevada asistencia.
Jácome destaca o éxito das Festas de Ourense 2026
“Todos os eventos tiveron éxito de público, e o público é o que manda. Son eles os que din se as festas son boas ou non”, indicou.

Durante a súa valoración, Pérez Jácome repasou a programación desenvolvida entre o mércores 17 e o domingo 21 de xuño. Destacou o espectáculo de drons, que reuniu milleiros de persoas na Ponte Romana e na súa contorna, así como o pregón de Rober Bodegas, as festas da mocidade con sesións de DJ, as actuacións das orquestras, o tributo a Sabina, os espectáculos infantís, a xincana, as barracas e as diferentes actividades deportivas, entre elas o breaking, o torneo de futbolín e o volei praia.
O alcalde tamén puxo en valor o Mercado Medieval, instalado novamente na Ponte Romana, asegurando que os expositores manifestaron a súa satisfacción pola elevada afluencia de visitantes desde a primeira xornada.
No apartado musical, o rexedor destacou que os concertos de M-Clan e Café Quijano alcanzaron picos de 6.000 asistentes, mentres que a actuación de Hard GZ reuniu unhas 7.000 persoas. Segundo explicou, a cifra real de espectadores foi superior debido á rotación do público, estimando un incremento aproximado do 30%.
“Realmente hai tempo que non se movía tanta xente en Ourense nuns concertos: tres seguidos e os tres de éxito total. E solucionamos moi ben o de Miguel Ríos, contratando a Café Quijano”, sinalou.
Espectáculo pirotécnico
A programación concluíu co espectáculo pirotécnico, que Pérez Jácome cualificou como “os mellores fogos artificiais da historia”. Durante 22 minutos, os fogos puideron contemplarse desde numerosos puntos da cidade, como o Seminario, a Cruz Alta, Montealegre, Covadonga ou as terrazas de Ponte Vella.
Para rematar, o alcalde agradeceu a implicación da cidadanía e destacou que “eles foron os protagonistas”. Tamén recoñeceu que unhas festas desta magnitude poden ocasionar molestias, aínda que defendeu que responden ao obxectivo de ofrecer lecer e dinamizar a cidade.

