O concello de Melón vivirá este sábado, 3 de maio de 2025, unha xornada festiva en honra á Santa Cruz.
O programa inclúe actividades para todos os públicos, música en directo e a tradicional cea popular.
Melón celebra as Festas na honra da Santa Cruz
O evento, que conta coa colaboración do Concello de Melón e numerosos negocios locais, promete reunir veciños e visitantes nunha celebración marcada pola tradición e a diversión.
As festas comezarán ás 12:00 horas cun pasarrúas a cargo do grupo Feitizo de Pau, seguido da misa solemne e a procesión, momentos centrais da xornada relixiosa. Xa ao mediodía, o ambiente festivo continuará coa sesión vermú.
Un dos pratos fortes da xornada será a cea popular, que se celebrará ás 20:00 horas na Praza do Concello. O menú inclúe empanada, pan preñado, auga e viño, cun prezo de 8 euros ata o 30 de abril e 10 euros o mesmo día da festa. As entradas poden adquirirse no Bar Jamaica, Bar Nelo e a través dos membros da comisión organizadora.
A música será protagonista da noite coa verbena a partir das 22:00 horas, a cargo da orquestra Zona Zero e a Discomóbil MVP Music. Ambas serán as encargadas de pechar a festa cun espectáculo pensado para bailar ata altas horas.
