Noticias

O concurso dos Maios de Ourense 2026 xa ten vencedores

Os Maios de Ourense 2026 xa teñen gañadores. O xurado do concurso de maios e coplas convocado polo Concello fixo público este domingo o fallo tras avaliar os traballos presentados.

Esta edición reuniu na Praza Maior numerosas creacións artísticas, enxebres e infantís arredor dunha das festas máis emblemáticas da cidade.

O concurso dos Maios de Ourense 2026 xa ten vencedores

Na categoría de mellor Maio artístico de persoas adultas, o primeiro premio, dotado con 1.000 euros, foi para Óscar López González pola obra “O anxo caído”. O segundo premio, de 800 euros, recaeu na Asociación Cultural Os Lolailos con “A ponte romana”. O terceiro premio, de 600 euros, foi para o Club Hóckey Albor.

O concurso dos Maios de Ourense 2026 xa ten vencedores
Foto: Concello de Ourense

Maio Enxebre

No apartado de mellor Maio enxebre de persoas adultas, o primeiro premio, de 700 euros, foi para a Asociación Cultural Amigos da Pita. O segundo galardón, de 500 euros, correspondeu á Asociación Recreativa e Cultural Andén Primeiro. O terceiro, de 400 euros, foi para a Asociación Cultural A Galleira.

Maio Infantil

En canto ao Maio infantil, o xurado distinguiu en primeiro lugar ao CPR Plurilingüe Sagrado Corazón de Celanova, que recibiu 500 euros. O segundo premio, de 300 euros, foi para a AFA Pia da Casca do CEIP As Mercedes, mentres que o terceiro, de 200 euros, recaeu no CEIP Plurilingüe Irmáns Villar.

Maio Creativo

O premio ao Maio creativo, dotado con 500 euros, foi para a Asociación Recreativa e Cultural Andén Primeiro, que tamén destacou no apartado literario ao facerse co primeiro premio das mellores coplas na categoría de persoas adultas. O segundo e terceiro posto foron para a AFA Manuel Sueiro e Miguel Anxo González Padilla, respectivamente.

Coplas infantís

Na categoría de coplas infantís, o primeiro premio foi para a AFA Pia da Casca do CEIP As Mercedes, seguida do CEIP Plurilingüe Irmáns Villar e do CPR Plurilingüe Sagrado Corazón de Celanova.

A entrega de premios desenvolveuse esta tarde na Praza Maior de Ourense, dentro da programación organizada polo Concello para celebrar esta tradicional cita do calendario festivo. A xornada pechouse cun concerto de Amancio Prada ás 19:30 h.

Botón volver arriba