Noticias

Luís Seara será o candidato do BNG á Alcaldía de Ourense en 2027

Luís Seara será o candidato do BNG en Ourense nas eleccións municipais previstas para o 23 de maio de 2027. Seara recibiu o respaldo unánime da militancia da formación nacionalista durante a asemblea local celebrada este luns.

Segundo trasladou o BNG, Xosé Luís Seara Fernández, nado en Ourense en 1964 e diplomado en Maxisterio, encabezará unha candidatura que aspira a obter os mellores resultados da súa historia recente e a disputar o goberno municipal.

Luís Seara será o candidato do BNG á Alcaldía de Ourense en 2027

A organización destaca a traxectoria política do seu actual concelleiro e portavoz como un dos principais argumentos para liderar o proxecto de cara á próxima cita electoral. Seara foi o candidato nas municipais de 2019, cando o BNG regresou á Corporación tras quedar fóra no mandato anterior, obtendo dúas actas de concelleiro. Nas eleccións de 2023, a representación nacionalista duplicouse ata os catro edís, quedando a menos de 200 votos de conseguir un quinto representante.

Luís Seara será o candidato do BNG á Alcaldía de Ourense en 2027
Foto: BNG

De cara a 2027, o partido asegura que o seu obxectivo non pasa unicamente por incrementar o número de concelleiros. Tamén pretenden acadar a Alcaldía de Ourense e liderar un novo goberno para a cidade.

Durante a asemblea, a militancia puxo en valor a experiencia política de Seara, o seu coñecemento da administración local, a proximidade coa veciñanza e o seu traballo á fronte do grupo municipal, segundo informa a propia formación.

Pola súa banda, o candidato mostrou a súa satisfacción polo apoio recibido. Seara avanzou que xa conta cun equipo de trece persoas para conformar a candidatura.

“Moi feliz e orgulloso de contar co respaldo e co apoio das compañeiras e compañeiros para liderar de novo unha candidatura, na que xa me acompañan 13 persoas que xa adianto, van dar moito que falar pola súa solvencia, polos seus perfís e porque son persoas plenamente comprometidas e coa clara vocación de gobernar o Concello de Ourense e facer que as cousas cambien, xa que é preciso mudar o rumbo, mudar as formas e recuperar o orgullo e a dignidade da institución”, afirmou.

Seara tamén asegurou afrontar este novo proceso con ilusión e confianza nas posibilidades do proxecto nacionalista.

“Quero ser Alcalde pois cómpre cambiar para avanzar e no BNG estamos en disposición de encabezar e dirixir dito cambio”, sinalou.

Botón volver arriba