O Memorial dos calcetíns quedou instalado este 15 de maio nos soportais da Biblioteca Pública Nós de Ourense como unha acción simbólica para lembrar ás nenas e nenos palestinos vítimas da ofensiva en Gaza.
A iniciativa reuniu centos de calcetíns infantís doados pola cidadanía ourensá como mostra de solidariedade, memoria e dignidade.
O Memorial dos calcetíns homenaxea á infancia de Gaza
A organización escolleu esta data coincidindo co 78 aniversario da Nakba, o éxodo forzado do pobo palestino en 1948. Uxía Morán, coordinadora da acción, afirmou que “malia o silenciamento da realidade, o xenocidio segue en marcha”.

Radio Liverdade, colaboradora do evento, denunciou tamén a negativa do Concello de Ourense a autorizar a instalación prevista inicialmente na Praza Bispo Cesáreo. Alfonso Cid asegurou que “o goberno municipal actúa por razóns ideolóxicas”.

O Memorial dos calcetíns poderá visitarse ata o 23 de maio.

