Noticias

Moción para cumprir a Ordenanza de Normalización Lingüística

O BNG de Ourense presentará unha moción para instar ó goberno municipal a cumprir a Ordenanza de Normalización Lingüística.

Desde o grupo municipal do BNG poñen en marcha esta moción que pretende un uso adecuado do topónimo oficial do concello.

Moción para cumprir a Ordenanza de Normalización Lingüística

«É coñecido e resulta moito máis ferinte a deturpación constante do nome e topónimo oficial do Concello, da cidade e da provincia. As referencias continuas a Orense e non Ourense contribúen moi negativamente a perpetuar unha denominación imposta durante a ditadura franquista e que a mediados dos anos noventa propiciou unha mobilización social sen precedentes, que poderiamos denominar revolución do OU, e cuxo obxectivo non era outro que recuperar a oficialidade da nosa denominación, Ourense», indica Erea Blanco, concelleira do BNG.

Moción para cumprir a Ordenanza de Normalización Lingüística
Erea Blanco. Foto: BNG de Ourense

Recorda o BNG nesta moción que no Estatuto de Autonomía de Galiza se indica que «a lingua propia de Galiza é o galego e que os poderes públicos de Galiza garantirán o uso normal e oficial dos dous idiomas e potenciarán o emprego do galego en todos os planos da vida pública, cultural e informativa e disporán os medios necesarios para facilitar o seu coñecemento».

Na mesma liña vai a Ordenanza municipal de Normalización lingüística ó indicar que «a única forma oficial dos topónimos do Concello de Ourense é a galega. Igualmente, no artigo XIV determínase que os cargos do Concello expresaranse normalmente en galego nos actos públicos celebrados en Galiza sempre que a intervención sexa por razóns propias do cargo».

Botón volver arriba