O Concello de Ourense deu un novo paso na tramitación do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) ao aprobar esta mañá, nunha sesión extraordinaria e urxente da Xunta de Goberno Local, a segunda modificación do contrato subscrito coa empresa Oficina de Planeamiento SA para a redacción deste documento urbanístico.
O contrato fora asinado o 30 de xaneiro de 2009, tras ser adxudicado pola Xunta de Goberno Local o 23 de decembro de 2008.
Ourense destina 92.879 euros á adaptación do PXOM
A modificación aprobada permitirá adaptar o documento de aprobación provisional do PXOM ao informe emitido o 13 de xuño de 2025 pola Dirección Xeral de Urbanismo da Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas da Xunta de Galicia.

Os traballos de adaptación suporán unha ampliación tanto do obxecto do contrato como do seu importe. En concreto, o Concello destinará 92.879,31 euros a esta actuación, dos que 76.759,76 euros corresponden ao importe principal e 16.119,55 euros ao IVE.
A modificación contempla un prazo de execución de dous meses e desenvolverase en dúas fases: unha primeira de redacción da documentación provisional e unha segunda de elaboración da documentación definitiva. A empresa adxudicataria percibirá o 50 % do importe ao remate de cada unha destas etapas.
No mesmo acordo, a Xunta de Goberno Local aprobou tamén a disposición do gasto necesario para financiar esta actuación, considerada clave para continuar coa tramitación do futuro PXOM da cidade.

